Sunday 19 de May de 2024

A Xunta convoca axudas de ata 3.000€ a particulares de ata 40.000€ a concellos para mellorar a imaxe exterior de vivendas e equipamentos municipais


O DOG publica hoxe a cuarta convocatoria das ordes de axudas para reducir o impacto paisaxístico en vivendas privadas, edificios e outras construcións municipais conta cun orzamento inicial de 2 M€

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das axudas dirixidas a propietarios particulares e a concellos co fin de apoialos na execución de actuacións destinadas a corrixir os impactos paisaxísticos.
Tal e como explicou o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, durante unha visita ao municipio de Trazo, as axudas poden acadar os 3.000 euros no caso dos particulares mentres para as entidades locais a subvención poderá chegar ata os 40.000 euros —20.000 euros por cada unha das liñas—.
En canto aos tipos de intervención subvencionables, no caso da liña dirixida a particulares prevese a posibilidade de actuar sobre fachadas, cubertas e muros de peche e, como novidade, financiarase por primeira vez a retirada de elementos adxacentes aos bens nos que se vaia intervir cando estes prexudiquen a súa imaxe ou causen algún impacto.

Pola súa banda, as actuacións promovidas polos concellos poderán ser obras de índole menor que melloren o aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos —liña 2—, ou ben incidir na renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais —liña1—.
No que atinxe aos prazos para a presentación de solicitudes, os particulares terán un mes de prazo contado a partir de mañá, martes, 16 de xaneiro. No caso dos concellos poderán facelo a partir das 12,00 horas do día 16 de xaneiro e ata o 29 de febreiro. Cómpre ter en conta que se considerará esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria.